lunes, 15 de octubre de 2007

A MORTE QUE SEMENTOU O FASCISMO. Por Gonzalo Amoedo.



Gonzalo Amoedo López junto a su compañero Roberto Gil se han convertido en los cronistas de la Redondela del siglo XX, Pontevedra. Su trabajo de recuperación y difusión de la memoria de los hombres y mujeres, que esperaron con ilusión el período republicano, para sufrir luego las consecuencias de un fascismo asesino, es admirable. Pero, si hubiera que destacar un punto, sería la reconstrucción de la historia de la isla de San Simón como prisión franquista, donde la represión se vivió en toda su crudeza. Aquí el trabajo realizado es de vital importancia para todos aquellos que no tienen miedo a la verdad, para los afectados y sus familiares, para los historiadores y para la Historia de este país que todavía no se ha atrevido a levantar la alfombra, para no ver el polvo que dejaron tantos muertos. Pero ante todo Gonzalo Amoedo es trabajo, tesón, rigor, conciencia e implicación, un buen descendiente del espíritu de la II República.



...Miñas experiencias de análise do carácter convencéronme, en cambio, de que hoxe en día non hai un só home vivo que na súa estructura non leve os elementos do sentir e pensar fascistas.
Wilhelm Reich.


A raíz do sucedido no pasado ano 2006, declarado Ano da Memoria pola Xunta de Galicia, e da morea de traballos que se teñen publicado en papel, ou aparecidos en Internet, ou tamén en formato de vídeo documentais, falando da represión, dos represores e dos reprimidos, case parecía previsible que xurdise "espontánea" unha contestación por parte dos descendentes dos que agora son retratados polos historiadores e investigadores como aqueles que ocasionaron a matanza.

É ben coñecida por pública e por ocasionar un rexeitamento xeral entre o mundo dos investigadores e historiadores en xeral, a denuncia formulada contra Dionisio Pereira por parte dos descendentes do ex alcalde de Cerdedo e falanxista de primeira hora Manuel Gutiérrez, así como a posterior denuncia contra Alfonso González Ruibal, por expresar nunha páxina en Internet o que non era outra cousa máis que o seu apoio a Dionisio. Sen embargo, non se trata de algo novo, senón que se ven dando, ciclícamente, dende a década dos pasados anos 80, na que se comezaron a realizar este tipo de traballos en múltiples sitios de toda España.

Ao meu xuízo, non é tanto unha cuestión de orgullo e honra familiar, como trataron de vendernos no caso da familia deste ex alcalde de Cerdedo, como dun ataque, en toda regra, por parte dos que purraban por detrás deles, para frear a posibilidade de que pouco a pouco vaian saíndo máis e máis traballos deste cariz en todo o país. Trátase de tronzar de raíz, para evitar máis. E trátase dunha diretiva emanada do máis rancio do propio partido Popular, herdeiro sociolóxico daquel franquismo que adoptou diversos nomes que están nas nosas memorias: Unión de Centro Democrático, Coalición Democrática, Alianza Popular, para finalmente acabar todo aquilo refundido no máis campechano e onomatopeico PP. Igualmente pasou coa páxina que mantiña en Internet o fillo de Ramón Garrido, un represaliado de O Grove, que foi pechada por orde xudicial por dar o nome dun coñecido represor desa poboación. Pero tamén se trataba de facer forza para que a tan cacarexada "Ley de la Memoria" fose finalmente un burdo enredo semántico que non convenceu a case ninguén.

¿Podemos pensar que logo de setenta anos, cando case todos os protagonistas daquela horrenda matanza na retagarda están mortos, aínda non pasou tempo suficiente para afastar aqueles feitos da política e do rencor e facelos ingresar na historia, que é onde lles corresponde estar? ¿Podemos pensar que aqueles horrendos crimes e os que os cometían poden pasar ao esquecemento así, sen máis, mentres en calquera outro país houberan sido xulgados hai trinta anos, despois da morte do ditador? ¿Podemos pensar, dende o punto de vista dun descendente dun victimario, que somos responsables dos actos que cometeron nosos ancestros? Pois si, podémolo pensar, vista a forza que empregan os seus descendentes, os políticos que os sosteñen e unha xudicatura que, non o esquezamos, é a encargada de facer cumplir as leis e por tanto ten unha visión conservadora das cousas.

Porén, algúns rebelámonos contra desta situación da única forma que podemos facelo: aplicando o coñecido teorema de que a quen non quere unha taza, hai que darlle sete. Por iso se nos deu por investigar o que ata agora non se dera investigado: facendo públicos os nomes e apelidos dos represores, que sempre estiveron na boca de todos e ninguén se atrevía a nomear, por medo.

Conforme a ciencia infusa non é posible, cando menos non o foi ata hoxe, e o mito da xerazón espontánea resultou ser unha tontería que a ciencia botou abaixo no seu día, é imposible que aparecera un só morto nas gabias das estradas e nas portas dos cemiterios se ninguén apretaba previamente o revólver, a pistola ou a escopeta, ou se ninguén cortaba co coitelo de carniceiro. Esta verdade de Perogrullo é algo que debera de asimilar máis dun, para entender a necesidade que algúns temos de saber quen foron e as razóns do por que o fixeron, cando en Galicia non houbo guerra ningunha, é dicir: ¿porqué foi tanta a crueldade e que a motivou?

Ei de dicir que, a priori, a pesar da opinión xeralizada socialmente, nunca tiven conciencia de que en Galicia as víctimas foran consecuencia, salvo casos moi contados, das venganzas dos seus veciños por unhas leiras, unha moza ou un pleito que viña de antigo. Tampouco que se tratara de incontrolados que, a rio revolto, metían a man na faldriqueira para sacar un arma, porque iso, que podería ser creíble se estivesemos a falar de varias ducias de cadáveres e dun tempo relativamente curto, vólvese contra quen o manifesta ao descubrirse que só na provincia de Pontevedra houbo unhas tres mil mortes provocadas pola represión, a meirande parte mortes extremadamente violentas, e que estas mortes fóronse producindo no tempo ata moitísimo despois de rematada a guerra que nunca houbo en territorio galego.

E non é que os investigadores e historiadores fagamos isto por unha cuestión de revancha ou venganza, cando menos esas non son as miñas razóns, senón por extraer consecuencias e que, con esas consecuencias, a sociedade sexa quen de crear antiviruses que impidan, no futuro, ir cara a novos totalitarismos e ver avanzar ás masas, erráticas, da forma que imaxinaron moitos intelectuais nos anos 30 do pasado século.

Nunha declaración da propia Asamblea parlamentaria do Consello de Europa, dise que o coñecemento da historia serve para a formación das novas xerazóns e tamén para evitar repetir erros do pasado. Se a Asamblea parlamentaria europea di iso, ao igual que a UNESCO e outras institucións internacionais, ¿quen somos nós ou o partido Popular para lles levar a contraria? A guerra civil xa só é historia, pero historia que é necesario comprender e asimilar, para entender o presente.

Pero conforme digo isto, tamén digo que é necesario pararse a estudiar máis asuntos que o das voces e as víctimas e sinalar os lugares onde se produciron os asasinatos e dar conta da identidade dos asasinos. Non deberamos esquecer, nin tapar os ollos, ao feito incontestable de que en Galicia, poucos días antes do golpe de estado, só había varios centos de fascistas (non só falanxistas), e poucas semanas despois, ao abeiro do Poder, as masas, contaxiadas de non se sabe que veleno, corrían a refuxiarse baixo as bandeiras e os uniformes da Falanxe e a perseguir os seus veciños, ata entón bos, malos ou regulares veciños, e despois simplemente "rojos" ou "separatistas".

O feito de que a Falanxe, os gardas cívicos, sectores tradicionalistas da sociedade e mesmo militares e membros das forzas e corpos de seguridade da República se apuntasen a pegar tiros polos camiños, non debe facérmonos esquecer que, se ben existiu o medo xeralizado, que axiña se instalou na sociedade e permitiu que uns poucos amedrentasen a todo o corpo social, tamén houbo unha complicidade necesaria para que os militares e os seus adláteres acabaran facendo a escabechiña que fixeron, e tamén moitos veciños dispostos a delatar, a pararse diante da casa do outro para tirarlle pedras ás fiestras, a aplicarlle aceite de ricino ou a rapalo…a non servirlle na tenda, a non atendelo na barbería, a cruzar de beirarrúa para non encontrarse cun "indesexable" que ata pouco antes era un veciño normal e corrente…. ou a rirse dos caídos en desgraza a coro, nunha especie de aquelarres públicos que lembraban aos tempos e métodos da Inquisición…¡en fin! O contrario era posto á altura dos animais, privado de toda vestimenta que lembrase a súa orixe humana, e incluso algún eminente "científico" do réxime novo tería a desvergonza intelectual de atribuir a existencia dos "rojos" e separatistas a unha degradación do xenotipo.

O análise debe facerse, e ten que ser exhaustivo, e dando conta de quen eran as víctimas e os seus verdugos directos, e pescudando as causas polas que fixeron aquela loucura, pero tomándolle tamén o pulso a toda a sociedade, á de entón e á de agora, porque non só foron catro os que dispararon, nin centos os militantes do que logo sería o partido único, senón toda unha sociedade, uns de forma activa e outros pasiva, que o permitiron, por medo, por non rebelarse contra a inxustiza, para que a cambio os deixaran a eles tranquilos, pero tamén por intereses de outro tipo, unha mestura variopinta de motivacións que logo eran perdoadas na Igrexa polo cura, que elevaba preces ao deus guerreiro dos católicos de entón, que constantemente bradaba pola boca de entolecidos apóstois como o Padre Nieto, pedindo, nunha especie de caricatura sanguinolenta dos irmáns Marx: máis madeira, moita máis madeira para a caldeira.

O certo é que o asunto viña de lonxe. Había contas pendentes dende tempo antes da República. Habería que falar das loitas por conseguir sacudirse o xugo dos foros, habería que falar da caída en picado da peseta como consecuencia tardía do desastre de Wall Street en 1929, habería que falar das loitas dos mariñeiros e os donos das fábricas de conservas nas Rías Baixas, que fixeron emigrar, xa en tempos de Primo de Rivera, a moitos mariñeiros a Estados Unidos primeiro e logo, xa en tempos da República, aos portos vascos, onde cando menos conseguían un salario decente; habería que falar do que era a fame, a falta de horizontes para unhas clases sociais extremadamente emprobecidas e uns patróns que, logo do magnífico período de ganancias case sen límite que significou para eles a Primeira Gran Guerra europea, acostumáronse a dilapidar por riba das súas posibilidades; habería que falar de como aínda nalgúns lugares o patrón "probaba" á noiva antes que o marido; habería que falar como un pequeno roubo para conseguir unhas mazás para levar para a casa ou calquera outro producto da terra podía acabar a pallizas, ademais de procurar unha estancia no cuartel da Guardia Civil e unha multa imposible de pagar; habería que falar como a República foi un tímido intento de poñer a España no medio dunha Europa máis avanzada, onde as relacións entre os productores e os donos dos medios de producción estivesen reguladas mediante comisións de arbitraxe paritarias que nunca aceptaron os amos dos medios de producción, onde se obrigou aos grandes terratenentes do sur a traballar as súas terras, onde se ubicou á Igrexa no ámbito do privado, que é onde deben de situarse as crenzas (e se secularizaron os cemiterios), onde se crearon miles de escolas para que as xentes tivesen acceso á cultura e á educación, onde se redimensionou un inmenso exército que non se correspondía para nada coas necesidades dun país probe, e se mandaron para as súas casas a varios miles de oficiais e xenerais que non quixeran acatar a Constitución republicana; habería que falar, tamén, de cómo ese mesmo exército levaba trinta anos sangrando ao país en cruentos episodios guerreiros en Marrocos que provocaban a morte de miles de mozos, unha ocupación guerreira que só beneficiou aos grandes intereses financieiros, pero que axudou a provocar máis miseria entre as clases necesitadas.

Finalmente, cando o 16 de febreiro de 1936 gana as elecións o Frente Popular, había moita xente disposta a tronzar aquela República ou a encauzala por guieiros que non supuxesen perigo para as vellas castas. Había moitos intereses, diversos, pero concorrentes, que non podían permitir que se levase a cabo o programa das esquerdas, que non o esquezamos, era un programa reformista e non revolucionario, como nos repiten tantas veces os de sempre.

É preciso afondar nas pescudas e saber quen compuxeron o exército de represores na provincia de Pontevedra. Tamén no resto do Estado. A Falanxe e os falanxistas, de camisa vella e nova, pero non só os falanxistas, senón tamén os católicos ultramontanos que entendían a relixión da mesma forma que a entenden os islamistas radicais que tanto se critica hoxe, os requetés que procuraban a volta aos vellos tempos do carlismo, os vellos cedistas e os membros de Renovación Española, os jonsistas e señoritingos de caste alta que se miraban ameazados nos seus intereses, participaron naquela maldita e santa compaña que ía ciscando mortos polos lugares por onde se movía, unha interminable maldita e santa compaña que deixou descabezado ao país, sen máis guieiro que o medo.

Entendo perfectamente que para algúns, de tan fonda raigame xenealóxica, con tantos apelidos dobres e triples, con tantas conxuncións copulativas entre apelidos e con tantos antepasados participantes no snob clube dos da estaca, nos lonxanos tempos de Maura, lle teñan tanto medo a rescatar do esquecemento a historia recente, porque rescatar esa historia recente significa debuxar aos seus avós, que moitas veces eran máis parecidos ao pirate Drake que aos aristocráticos cabaleiros que pretendían e pretenden ser.

No hay comentarios: