Voulles falar de María Purificación Gómez González alcaldesa da Cañiza na II República, a única muller que exerceu ese cargo en toda Galicia durante ese período. María, ata o de agora, permaneceu agochada agarimosamente na memoria dos seus, mentres que o réxime a fixo desaparecer da historia sen que a democracia fixese un recoñecemento ao seu labor. Chegou a hora de que se amose tal como foi e de que se presente a todos vós para recuperar o sitio que lle pertence por dereito. María naceu nunha vila da provincia de Córdoba, Belmez, o 6 de febreiro de 1905. Era filla de Vicente, cordobés, e de María, galega de Caldas de Reis. Belmez era por aquel entón unha vila mineira próspera con moitos máis habitantes dos que ten hoxe en día. O pai, enxeñeiro de vías e obras, traballaba no ferrocarril, polo que era corrente que a familia mudase de lugar de residencia. Deste xeito atopamos unha María vivindo na cidade de Vigo; é alí onde xorde a súa afección pola poesía –de feito escribiu poemas, algúns deles publicados na prensa comarcal–, e tamén alí gustaba de ir ás reunións culturais que tiñan lugar nos anos vinte na cidade. A súa grande admiración por Don Manuel Azaña espertou a súa vocación política e as ideas republicanas xerminaron nela, nunha persoa moderada e un tanto conservadora pero coa firme crenza de que facía falta xustiza social, traballo, pan e educación para o pobo. Non era unha revolucionaria, tan só quería mellorar a calidade de vida dos seus concidadáns. Pensou que para cambiar as cousas era necesario participar da vida política e ela fíxoo afiliándose a Izquierda Republicana, partido fundado no 1934 por Azaña. Nese tempo María tiña 29 anos, estaba casada con José Ares Sánchez, mestre nacional da escola parroquial de Parada, na Cañiza, e tiña 4 fillos, Araceli, José, Vicente e Alicia. A súa forte personalidade e o seu espírito inquedo fixeron dela unha muller atípica naqueles anos, non por extravagante, nin sequera por querer ser bandeira de nada, tan só por facer o seu camiño independentemente do seu papel de esposa e nai sen deixar de ocuparse dos asuntos domésticos. Precursora do modelo de muller e nai traballadora actual.
Chegan as eleccións municipais do 16 de febreiro de 1936, María preséntase á convocatoria polo seu partido, mais ela non sabía que o triunfo da Fronte Popular cambiaría a súa vida radicalmente. O 14 de marzo ten lugar un pleno no concello da Cañiza no que leva a cabo unha votación secreta para elixir o alcalde; o seu resultado dá lugar a un feito histórico en Galicia, María, militante de Izquierda Republicana, convértese na nova alcaldesa. Non fora tal como dixeron algúns coetáneos maledicentes porque o seu marido era mestre e fixera uso das súas influencias. O seu mandato non foi sinxelo, tiña medo de que os seus compañeiros de consistorio aproveitando algunha das súas viaxes a Pontevedra para visitar o Gobernador conspiraran contra ela tal como recolle a acta do día 5 de xullo: “la sra. Presidenta hace constar que el voto de gracias que en la sesión anterior dieron los sres. Concejales asistentes al sr. Presidente por lo bien que llevó y dirigió la sesión encierra una censura para ella”. O Partido Socialista considerábaa conservadora, o seu presidente, Tirso Gómez Freijido, tiña unhas ideas máis revolucionarias, como o presidente da Fronte Popular Jesús Eugenio Pérez Pérez. No concello era Justo Moure Giráldez, segundo tenente alcalde, quen representaba ó Partido Socialista. A alcaldesa era recta, responsable, honrada e traballadora, sabía que a súa postura política e a súa condición de muller lle servían para estar no punto de mira. O 7 de xuño María autoriza a procesión do Cristo da Agonía contra a opinión dos socialistas, “circuló bajo su responsabilidad, garantizando el mantenimiento del orden, por si maliciosamente tratasen de alterarlo” certificará o párroco da Cañiza José Mª Quiroga López. Un novo punto de fricción na política municipal. Días antes, o 31 de maio hai un gran mitin na praza da vila tal e como se recolle na publicación ponteareá Renovación do 15 de xuño, os oradores, entre eles Víctor Fraiz, xa falaron do “peligro fascista para la República” e da necesidade da unión do pobo para defendela. As milicias uniformadas de Ponteareas desfilaran polas rúas Sirval, Pablo Iglesias e Largo Caballero sen protección policial por consideralo innecesario a alcaldesa da Cañiza “compañera María”. A súa filla maior, Araceli, lembra a súa nai falando nalgúns mitins na praza do concello, ela aos seus 9 anos vivía aquilo un pouco intimidada.
O mitin foi premonitorio do que pasaría o 18 de xullo, o Alzamento militar é levado a cabo contra o goberno lexítimo e democrático. O día 20 a alcaldesa recibe un telegrama do Gobernador de Pontevedra pedíndolle que adopte medidas necesarias para a defensa do réxime, e ao mediodía unha chamada pedíndolle unha requisa de armas e que enviara xente a Pontevedra. Parte do comité da Fronte Popular declara a folga xeral que rematará ás 9 horas do día seguinte por orde da alcaldesa. A tarde do día 20 sae unha delegación da Fronte Popular cara a Pontevedra mais non pasan de Ponteareas onde os informan de que a capital está tomada polo exército. Volven á Cañiza ao solpor dando orde a alcaldesa de requisar as radios do concello, María responde que é moi tarde pero Tirso Gómez Freijido, fixo valer a súa decisión argumentando que necesitaban estar informados no concello tal como fixeron en Ponteareas, segundo declara ela mesma ao ser interrogada, e alega sentirse coaccionada polo tal Tirso. Outro grupo sae esa mesma tarde cara a Vigo pero ao chegar a altura de Barreiros atopan as barricadas e os enfrontamentos cos militares, así que deciden volver para A Cañiza. A alcaldesa está no concello organizando a requisa de armas e armando algúns homes “para defender el ayuntamiento de cualquier ataque contrario al régimen constítuido” como declarara o labrador Américo Troitiño Vázquez. Ás 10 da mañá do día 21 de xullo, as forzas da Compañía de Asalto de Pontevedra entran na Cañiza facéndose co concello sen atopar ningunha resistencia, incautando as armas que alí se atopaban e ordenando armar os simpatizantes do movemento militar. Neste momento María é detida e levada á prisión de Ribadavia, nese instante decátase do perigo que corre a súa vida, cando, segundo relata a súa filla, paran ao chegar a Melón e oe como un gardián lle di a outro “¿imos mexar por eles?” Ata entón María só pensaba en facer arqueo de caixa para deixar todo en orde aos que viñeran tomar o concello, o seu concepto da ética e honradez profesional estaba por riba das circunstancias. De Ribadavia pasara á prisión de Vigo, e tamén estivo en Tui onde a trasladaran para ser interrogada. María está na prisión da rúa do Príncipe, alí pasa os días nerviosa, coa sentenza de morte como unha espada de Damocles sobre a súa cabeza. Compartiu prisión con Purita, de 18 anos, filla do alcalde vigués Martínez Garrido, a quen non esqueceu. María tiña unha úlcera de estómago e os seus familiares levábanlle leite todo os días, as funcionarias chamaban por ela en voz alta “¡a alcaldesa!”, e cada vez que sentía esas palabras, saíaselle o corazón pola gorxa e pensaba que lle ían a dar “el paseo”, ata que non puido máis e dixo á súa familia que prefería a dor da úlcera que morrer de infarto, e que non lle levaran o leite. A irmá de Purita, Josefina, facía de correo para as presas pois tiña unhas trenzas moi longas onde agachaban notas que entraban e saían da cadea. Ninguén sospeitaba dunha nena tan pequena por iso a deixaban pasar, pois as comunicacións eran a través de dúas reixas cun corredor no medio, e as visitas víanse obrigadas a berrar para poder falar cos presos. Josefina lembra unha das funcionarias por ser a máis mala de todas, a muller do dentista Burgallo, que insultaba moi gravemente ás presas, cun odio envelenado. Moitas estaban alí por ser muller de, filla de, irmá de ou nai de, poucas como María por ter unha responsabilidade política. A familia de María mobilizouse para conseguir a súa liberdade, chamaron a todas as portas buscando recomendacións. O 10 de outubro celébrase na cidade de Vigo Consello de Guerra contra María Gómez González, José Ares Sánchez, Domingo Filgueira Araujo, Dámaso Giráldez Piña, Jesús Eugenio Pérez Pérez, José Valeiras Rocha, Narciso Souto González, José Piñeiro Otero, Jaime Lourido Álvarez, Jesús Lourido Álvarez, Modesto Álvarez Ferreiro, Alfonso Teijeira Vázquez, Germán Teijeira Moure, Tirso Gómez Freijido, Antonio Mojón Vázquez, Enrique Souto González, José Vázquez Álvarez, Julio Faro Iglesias, Rafael Vázquez Estévez, Antonio Álvarez Ferreiro, José Gil Álvarez, Américo Troitiño Vázquez e Justo Moure Giráldez, todos eles veciños da Cañiza. María é condenada polo delito de Rebelión Militar a pena de morte, xunto a Jesús Eugenio Pérez Pérez e Antonio Mojón Vázquez, mestres nacionais, Tirso Gómez Freijido, latoeiro, e Justo Moure Giráldez, propietario do bar O Paraíso e concelleiro, todos eles socialistas. A sentencia contara co voto en contra do presidente do Consello por non atopar gravidade nos feitos demostrados, recomendando reclusión perpetua. O día 11 de outubro María alega un embarazo para gañar tempo. Fora recoñecida polo alférez médico Manuel Rodríguez-Grandjean que dictaminou que era posible que estivera embarazada de 2 meses, ese ditame salvará a vida da alcaldesa. O día 30 de outubro chega dende A Coruña orde de facer outro recoñecemento a María que é respondido o 2 de decembro dende Vigo facéndose constar que non aparecen síntomas clínicos do embarazo. O día 31 de outubro ás 16 horas nas inmediacións do castelo do Castro foran executados Tirso e Jesús, ambos os dous de 49 anos, casados e con fillos; Justo, de 27 anos, casado con tres fillos pequenos, Antonio de 21 anos, solteiro. Todos eles boas persoas, idealistas e que non fixeron mal a ninguén, só foran culpables de ter un soño e de ser leais á República, á legalidade.
O marido da alcaldesa permanece na illa de San Simón, é posto en liberdade pero volto a condenar máis tarde cumprindo dous anos no mesmo cárcere. O 2 de novembro María escribe ao “Generalísimo” pedindo clemencia: “...y que perdoneis la vida de esta desgraciada mujer, dando un poco de luz y alegría a sus pobres hijitos que con ella de hinojos, os lo suplican” non quere morrer e deixar orfos aos seus fillos aínda pequenos, eles son o máis importante para María, a súa forza. O 13 de decembro chega da Coruña a conmutación da pena de morte pola de reclusión perpetua. As influencias da familia servíronlle a María.
Máis tarde é trasladada a Saturrarán, concello de Mutriku en Guipúscoa. Trátase dun conxunto de edificios que están á beira do mar rodeados de montañas, antes seminario, agora prisión de mulleres baixo a vixilancia das monxas mercedarias. É un bonito sitio onde moitas presas viviron o horror da fame, a enfermidade e a morte. María era unha privilexiada, tanto como as presas do PNV que recibían todo o que necesitaban das súas familias. María era de familia pequeno burguesa e pode recibir o necesario para non pasar fame. Iso non a librara de ver morrer a moitas persoas despois de enfermar por falta de alimentos e hixiene, sobre todo as mulleres de máis de sesenta anos e os nenos pequenos que estaban coas súas nais. Chegou a mortalidade infantil a un extremo que había presas que deixaban ós seus fillos a familias de Mutriku e de Ondarroa para que os coidaran; algúns destes cativos foron adoptados por estas persoas. Nesta cadea estiveran tamén a coruñesa de Curtis Isabel Ríos Lazcano, quen fixo un retrato de Saturrarán no seu libro de memorias Testimonios de la Guerra Civil. A santiaguesa Josefa García Segret, quen tamén recolleu as súas vivencias no seu libro ¡Abajo las dictaduras!. Rosario Dinamitera, a quen lle dedicara un bonito poema Miguel Hernández “¡Bien conoció el enemigo la mano de esta doncella, que hoy no es mano porque de ella, que ni un solo dedo agita, se prendó la dinamita y la convirtió en estrella” e a quen recentemente fixera homenaxe Carlos Fonseca no seu libro, tamén estivo alí. Rosario di que non se lembra de María porque naquela prisión había miles de mulleres en diferentes pavillóns e que as monxas non permitían falar as presas entre elas. As monxas non tiñan precisamente moita caridade cristiá, á directora da congregación en Saturrarán chamábanlle a “pantera blanca”, había tamén irmás boas pero ou pedían outro destino ou despois da súa experiencia alí colgaran os hábitos. María atopara na cadea a súa mellor amiga, Urania, filla do gran pensador anarquista galego, Ricardo Mella, profesora de solfexo, viúva á forza xa que condenaran a morte o seu marido. Ela tivo que deixar os fillos coas súas cuñadas falanxistas e estas roubaríanlle o amor dos seus rapaces, as circunstancias fixeron dela unha persoa melancólica e vulnerable e María axudouna a resistir.
Grupo de teatro da prisión de Saturrarán
Chegou un momento no que nos cárceres franquistas non cabían máis presos e crearon a figura da redención de penas polo traballo na cadea. O réxime utilizaba estas actividades para facer propaganda do seu sistema penal, que Franco definía como “justo, católico y humano”. María para redimir penas pasou a dirixir o grupo de teatro da prisión, fixeron representacións para as presas e tamén para os visitantes, a maioría da falanxe. Estes tamén compraban os traballos manuais que facían as presas a baixo prezo e con eses cartos as condenadas mercaban no economato do cárcere. A fame foi tan dura que, conta a catalá Carme Riera, pasaban semanas tomando tan só un líquido marrón ao que chamaban café. Ela tivo que vivir a morte da súa filla dun ano, o único que lle quedaba do seu marido fusilado, e soportar como as monxas contentas exclamaban “¡un angelito que va a reunirse con Dios!”.
Cando en xuño de 1943 María recibe a súa liberdade, tras serlle conmutada a perpetua por una condena de doce anos e un día, acaba unha parte do seu sufrimento e comeza a incerteza de como será a súa nova vida. Tras pasar por Ribadavia marcha á cidade de Lugo, onde se establece definitivamente coa súa familia e onde toma a determinación de coidar soa dos seus fillos. Urania volvería a Vigo, onde atopará unha situación familiar moi difícil e decidirá marchar a Lugo a casa de María. Os inicios foron duros, facían faixas e deste xeito mantiñan a familia. A filla de María lembra que a súa nai nunca lles falara de todas as malas experiencias que lle tocara vivir, ensinou aos seus fillos a medrar sen rancor e sen odio, di que a cadea non conseguira roubar a María a súa forza para loitar pola vida, o seu sentido do humor e a súa capacidade de superación. Tras pasar uns tempos difíciles María tomou a determinación de preparar unhas oposicións para enfermeira, despois de conseguir cancelar os antecedentes penais, e aproba. Non puido ser médica, vocación que espertou nela na cadea, mais exerceu de enfermeira de vacinacións ata a súa xubilación, no 1977, recibindo varias condecoracións do ministerio de sanidade. Nunca abandonou a súa afección pola literatura e participou nunha serie de programas de radio como guionista, escribindo baixo o alcume de Maruja de Córdoba. María morreu en Lugo o 23 de febreiro de 1986 aos 81 anos de idade, coas súas ideas republicanas e en democracia. Non esqueceu, mais perdoou, fora dos españois que antepuxeron o espírito de conciliación sobre todo o demais. Todo isto que lles contei non é tan só para que coñezan unha personaxe histórica, senón para facer unha homenaxe a moitas mulleres da República que fixeron grandes e pequenas cousas e que permaneceron esquecidas. Homenaxe a mulleres que tiveron que sufrir moito polas súas ideas ou sen saber porque, ás presas republicanas que viviron situacións tanto ou máis duras que os seus compañeiros, como relata Tomasa Cuevas nas súas recompilacións de testemuños de presas españolas. Neste ano da Recuperación da Memoria Histórica quixen recuperar a María para todos vós e para o concello do que fora alcaldesa. O pasado Nadal, o actual alcalde da Cañiza comprometeuse a pór o nome de María Gómez González a unha rúa da vila. Un pequeno xesto para saldar unha gran débeda moral; agardamos velo axiña.
Deste xeito remataba o artigo no abril do ano pasado, antes de que o alcalde de A Cañiza, o mesmo que agora non está a permitir que a publicación A Peneira teña presencia nos lugares que son representativos do pobo e que pagan os cidadáns cos seus impostos, deixara as súas mentiras ao descuberto. Este señor que falou de tempos pasados como se estiveran superados, prometeu que María tería a súa rúa, que seguro que algúns non estarían de acordo, como pasara no caso da praza que leva o nome de Heriberto Fuertes. Heriberto, médico e membro de IR no 1936, é lembrado publicamente na Cañiza porque, a máis de merecelo por boa persoa, ten un fillo do PP na emigración. Iso fixo que os que non querían tal recoñecemento para un “roxo” calaran a boca. Nin María, nin os seus compañeiros fusilados teñen tan dubidoso honor na súa familia. Este alcalde que apareceu nun principio como cordeiro ensinou os seus dentes de lobo cando no agosto de 2006 os familiares e amigos dos represaliados de A Cañiza quixeron facer unha homenaxe a tódolos que sufriron cadea e morte. Prohibiu o acto pensando cos dereitos constitucionais non eran efectivos no seu territorio, intentou enganar a Subdelagación do Goberno e como niso tamén fracasou, boicoteou o acto cunha actuación infantil o día que se estaba a celebrar unha misa laica polos que xa non tiñan voz para defender a súa honra. O acto a pesar dos incendios, das coaccións aos veciños, da actuación para os cativos, fíxose. Foi moi emotivo, moi cívico, porque a xente alí reunida a pesar das provocacións comportouse como cidadáns responsables có sentido común que faltou ao alcalde. Despois de 70 anos as bandeiras republicanas, entre outras moitas de diferente significación política, estiveron na praza da Cañiza nun acto de irmandade democrática contra o fascismo do ano 1936 e contra o de 2006.
Acto homenaxe aos republicanos cañicenses do 1936. 9/08/2006
No hay comentarios:
Publicar un comentario